En 2009, pouco despois de volver dunha viaxe por Asturias e Cantabria, cadrou que os de Aaahh Records lanzaron o EP da Emilie Lund; nel estaba a canción Sad blue mountain, perfeita para pórlle música á lembranza das montañas que eu vin.
Todo isto está moi ben, eu tería feito o vídeo para ter gardado nun recuncho do computador, mostrarllo aos amigos na casa e nada máis... mas o EP publicouse baixo unha licenza CC que permite a copia, redifusión, remestura e o uso para calquera cousa sempre que non haxa un uso comercial ou lucrativo (e citemos o autor orixinal). Grazas a iso, agora vós tamén coñecedes a música da Emilie, e se gostades igual baixades o EP, e mesmo se gostades muito pode que merquedes un CD, ou fagades unha doazón; ou quen sabe se ti que les isto es promotor de concertos e a contratas para tocar preto de aquí. Ou ti es fan da Emilie e chegas ao vídeo e descubres o meu traballo...
É por estas potencialidades que adoro estas licenzas.