Despois de 15 anos de vida, o meu vello coche abandonoume deixándolle o sitio a un novo compañeiro. O chaveiro de coiro que levaba conmigo uns 12 ou 13 anos tamén se retirou porque xa sabedes como son as chaves dos coches novos, con todo ese rollo do mando a distancia que fan que ocupen moito máis espazo no peto do pantalón. Asi que o propio mando a distancia converteuse no chaveiro, a peza principal dese aro metálico onde colgan o resto de chaves.
Iso fíxo que me replantexara o orde e a distribución das chaves dentro do seu novo fogar. Creo que a todo o mundo lle pasou que antes de atopar a chave correcta teñen que andar probando varias antes, polo que me propuxen crear un sistema ordenado que "optimizase" a busca de chaves no meu novo chaveiro-mando.
Cando collo o chaveiro coas chaves colgando hai dúas que estan nos extremos, cumplindo a función do pan dun hipotético bocadillo metálico. Estas dúas chaves son as máis accesibles, as máis fáciles de atopar, polo que terían que ser as chaves máis importantes, as que máis use. Normalmente cando chego á casa no coche e o gardo no garaxe, teño que coller o ascensor ata o piso, polo que as chaves que máis uso son as do ascensor e as da porta do piso, e esas son as que puxen nos extremos. Cando chego á casa andando entro polo portal polo que precisaría ter a man tamén a chave do portal e así ter cubertas as dúas rutas que podo seguir para entrar na miña casa. Por iso metín a chave do portal xusto ó lado da chave da porta da casa, como a primeira capa (preferiblemente queixo) deste bocadillo. Cando entro polo portal teño o buzón ó lado e adoito botarlle un ollo para ver se recibín algunha factura (tristemente, iso máis a publicidade é o único que recibo) asi que poñer esa minúscula chave do buzón ó lado da do portal sería unha boa idea. Outra chave que tamén emprego moito é a chave da oficina onde traballo. Esa decidin poñela ao outro lado do bocadillo, ou sexa pegada á chave do ascensor. Ademáis como é unha chave bastante grande en comparación coa do ascensor, é fácilmente accesible. Deste xeito teño cubertas as rutas diarias que fago: cando saio e entro (casa-ascensor-coche / coche-ascensor-casa), cando paseo (portal-buzón-casa / casa-buzón-portal), cando vou traballar, etc. O resto de chaves case nunca as uso (chave do trasteiro e chave do portal do garaxe que sempre uso o mando a distancia) polo que foron no medio do "bocadillo", a parte máis inaccesible.
Sempre me gustou definir o deseño como un proceso de humanizacion. A finalidade de calquera proxecto de deseño é que as persoas se poidan enteder con el, xa sexa un libro, unha prenda de vestir, unha páxina web, un cartel ou un lector mp3. Con entenderse non me refiro só no aspecto práctico (que sexa "usable" ou "lexible") senón tamén dun xeito emocional. O exemplo que dei antes non ten nada de emocionante pero sí que notei que agora case sempre acerto á primeira coas chaves, incluso cando estou a escuras, polo que algo sí que mellorou a miña calidade de vida, e, quizáis tamén a miña felicidade. Por iso entendo o deseño máis como unha filosofía de vida que unha profesión.